sábado, 21 de marzo de 2020

INFORMACIÓN PARA OS DETECTIVES

Bos días a todos!

Que tal estades detectives? Tedes ganas de volver ao cole? Esperamos que a resposta sexa un si!! 
Os profes tamén queren volver, pero hai que aguantar un pouquiño, xa queda menos! 

Antes de nada, dicir que sodes uns campións, porque quedar todos os días na casa non é tarefa fácil, pero estou segura de que o estades facendo xenial! 

Supoño que tedes o voso tempo en casa para facer as actividades do cole, para ler, para escribir, non? Se é así, perfecto!
Para os que non o teñades, aconséllovos que busquedes un tempo cada día, á mesma hora, para facer algunhas tarefas. É moi necesario non perder o ritmo.

Hoxe escribo no blog para dicirvos dúas cousas. 

A primeira delas é que xa está á vosa disposición un documento coas CORRECCIÓNS DAS TAREFAS da semana pasada, para que poidades revisalas e ver se están correctas. Xa sabedes, se tedes algunha dúbida, enviádeme un correo electrónico e intentarei solucionala o antes posible. 

Pero hoxe tamén teño unha petición especial. Algúns de vos quizais sabedes que estes días en todas as casas estanse a colocar nas ventás arcos da vella coa frase TODO VAI SAÍR BEN. Se queredes, podedes facer o voso arco da vella e enviar unha foto ou un vídeo curto ensinando o voso debuxo e dando ánimos aos demais compañeiros, que vos parece? Animádevos, cantos máis sexamos mellor!!

Enviade ao correo dos Detectives de Leirado a vosa foto ou vídeo curto e nuns días os colgaremos no blog!

Moito ánimo, Detectives!

No hay comentarios:

Publicar un comentario